Saltar ao contido principal

"Presidente" - Teatro do Morcego

Un momento da representación
Previsíbel, plana, oportunista e chea de clichés semella a revisión que Teatro do Morcego realiza do panorama político actual. Nada novo achega este "Presidente", que carece de intensidade, que non morde, que non calla. Mágoa ter que enumerar a listaxe de eivas presentes nesta proposta. Mais tentaremos facelo con oficio e sen afondar excesivamente no escarnio. Comezamos co apartado interpretativo, frouxo. Cunha asistente esaxerada, prototípica, insubstancial e psicótica. Cun xefe de campaña pasado de voltas, que non achega ningunha credibilidade. Cuns secundarios esquecibles, incluída esa presentadora de debate coa que hai tanto afán de sarcasmo que acaba sendo unha mala caricatura. Balance negativo para todos nun xuízo sumarísimo no que Celso Parada salva os mobles. Ás veces. Xa que noutras un histrionismo esaxerado asoballa todo intento de cordura. Seguimos coa escenografía, falta de imaxinación, de recursos, por momentos cutre, insultando ao espectador asimilando que todos os fans de Bob Marley son uns "perroflautas" ou todos os fachas teñen na súa casa mobles decimonónicos. De novo, clichés. E da peor caste, ou será casta? O único efecto realmente conseguido é esa campaña electoral na que si adiviñamos un indicio do frenesí, da tolemia, grazas aos elementos audiovisuais e a ese "Presidente" repartindo promesas "a la carta" e gratuítas. Aí atopamos momentos que de verdade poden espertar algún sorriso, pero empatizamos case de forma forzada, como cans de Paulov que responden a estímulos longamente recibidos, recoñecidos e tamén esquecidos unha vez saciadas as gañas de rir do respectable, que sente a obriga de reaccionar ante unha obra que seica era unha comedia delirante. Continuamos co texto. O único punto de orixinalidade é o xiro inicial, en que de verdade hai un amago de engano, de xogo co espectador, de complicidade. Boa idea a de solapar realidade con invención, coma magos ou políticos de salón que sacan coellos da súa chistera para confundir aos votantes e sacar partido do río revolto. Breve espellismo nun recurso que se repite para deixar de ser efectivo. As sucesivas comparacións coa realidade son tan obvias, tan coñecidas e tan superficiais que o acto teatral queda reducido a unha mera sucesión de gags dos que xa sabemos o desenlace. Ou dos que acabamos por intuílo, xa que son evidentes os intentos por sacar partido de persoeiros como Pablo Iglesias, nun bando; e noutro facendo unha mestura de Rajoy, Núñez Feijóo e Fraga para tirar de simpatías, pero sen poñer de verdade o foco nos miolos da cuestión, con conformismo nos razoamentos e falta de espírito crítico para retratar ambos bandos, xa que en realidade non tiramos conclusións de ningún tipo, cunha comparación que resulta de todo insuficiente nun panorama político no que xa son moito máis que dous. Para máis inri, a falta de ritmo, a artificiosidade e o aburrimento sobrevoan constantemente as bancadas. Certo é que non foi unha función fácil e que o elenco amosou moita profesionalidade ao ignorar o incidente que tivo lugar no patio de butacas e continuar coma se nada, amosando táboas e bo facer teatral. Pero recoñecer isto non fai máis que sinalar aínda con máis tristura o feito de que con eses vimbios non foran quen de elaborar mellor cesto. A última falla da proposta é ese final, que pretende sorprender pero que adiviñamos de antemán, pero non con satisfacción, senón case que con desgana. Probablemente, e dada a entusiasta recompensa do público ao remate, a maioría dos espectadores foron quen de gozar con este "Presidente". Quen subscribe non foi capaz de facelo, e pido desculpas. Igual non fun quen de entender a proposta. Igual as expectativas previas eran demasiado elevadas. Ao mellor, as pequenas faíscas de enxeño agochadas no texto, con esa ollada cínica e descarnada que loita por saír, non atoparon o seu camiño pero o farán en próximas funcións, na busca desa "liberdade da raza humana". Quizais...

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta