Saltar ao contido principal

"Locus Amoenus" - Atresbandes

Un momento da representación
Aproveita o momento, busca o teu lugar idílico, fai todo o posible por ficar nel e non esquezas que a vida pode rematar nun instante. Entre o "locus amoenus" e o "carpe diem" abala a proposta que os cataláns Atresbandes presentaron no OTNI do FIOT. Vivimos illados nos nosos propios problemas, mundos e universos, con preocupacións a miúdo intranscendentes e triviais, sen saber que nunha hora todo pode mudar e pasaremos a "non ser", á nada máis absoluta. E que, nunha reviravolta estúpida do destino, a culpa será dun inofensivo coello. Tirando ás veces do surrealismo, con risas e prantos hiperbólicos, con eses sons e músicas amplificados quizais para subliñar a incomunicación que vivimos en realidade os seres humanos, Atresbandes afonda con ironía nos absurdos da nosa existencia, mesturando elementos cotiás -como un libro, unha mazá, un almorzo, unha mochila-, con outros máis transcendentes -a morte, o amor, a orientación sexual, o rexeitamento- para artellar unha proposta que ten varias lecturas e na que imos atopando capas como nunha cebola. En primeiro lugar temos o tren, esa realidade insubstancial, esas situacións incómodas que todos temos vivido no transporte público, ese afastamento existencial tan lóxico e incomprensible ao mesmo tempo. Algúns intentan salvar o oco e lánzanse a falar, mesmo pelexando contra imposibles barreiras idiomáticas, para evitar a soidade. Outros prefiren o illamento e afrontar precisamente en soidade as súas incomodidades; e as súas arelas. En segundo lugar temos a capa do "locus amoenus", esas situacións idílicas no bosque, na praia, ou mesmo a través do amor de Winston e Julia, personaxes literarios probablemente entresacados do universo orwelliano de "1984", un guiño ao "gran hermano" que todo o observa e que neste caso somos nós, o público. E a terceira capa sería a conta atrás. Esa morte inminente que asexa, e que nos teñen que lembrar que está aí, xa que "la sociedad nos enseña a olvidar que vamos a morir". Con estas ferramentas, Mónica Almirall, Miquel Segovia e Albert Pérez Hidalgo, constrúen unha proposta interesante, na que as reflexións chegan ao descoido e con sutileza, con boas interpretacións e momentos realmente conseguidos, como ese enfrontamento no que nós, ao igual que as personaxes que están embarcadas nesa viaxe a ningunha parte, temos que decidir se somos Zidane ou Materazzi. E tamén asumir que un único momento -xa estea marcado por un cabezazo ou por un coello- pode determinar o resto das nosas vidas. Porén, "Locus amoenus" tamén carga coa eiva de non ser quen de emocionar. A frialdade estudada dos recursos que se empregan contaxia tamén á construcción das personaxes, e aínda que probablemente sexa algo intencionado, levanta unha barreira que, ao final, resulta difícil de derrubar. Recoñecemos os méritos do que se nos presenta e os seus obxectivos cuasi filosóficos, pero non chegan a atravesar por completo as nosas defensas para conmover como se espera a tenor da formulación inicial. A pesar diso, unha vez máis, gozamos cun obxecto teatral non identificado pero moi identificable pola súa calidade, e por ese bo sabor que adoitan deixar nas nosas bocas as propostas do OTNI.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base