Saltar ao contido principal

"Greenwich Art Show" - Macarena recuerda Sheperd

Un momento da performance no Pazo
Imaxe orixinal (esq.) e recreación de Macarena
Macarena Recuerda Sheperd ten amosado xa no FIOT o seu interese por derrubar as barreiras. Por ofrecer unha visión distinta do fenómeno teatral, máis próximo á performance que á representación propiamente dita. Cunha mestura entre "falso documental" e teatro que resulta orixinal e xenuina, pero que, quizabes, debería ampliar as súas fronteiras. Na súa primeira visita ao festival, deixou unha grande pegada pola súa frescura e naïveté perfectamente estudada noutra performance: "That's the story of my life". Na súa segunda visita, como Lidia González, explotando máis estritamente a súa faciana de actriz, deixou tamén moi bo sabor de boca con "Fingir". E con este "Greenwih Art Show", de novo como Macarena, a súa frescura como contadora de historias está intacta, mais a novidade das formas perdeu parte da súa forza. Desta volta, resulta máis interesante a narración real e documentada da fotografía realizada por Alfred Einsenstaedt nese Greenwich Village arredor da Washington Square neoiorquina que as ensoñacións de Macarena Recuerda sobre esa historia de amor que ela recrea no seu maxín. A peza parte dunha imaxe realizada por este célebre artista, que nos din que é coñecido como "pai da fotografía sincera" pero que nun escándalo totalmente real no seu tempo, foi acusado de "trucar", realizando posados moi estudados en lugar de captar o fugaz dos instantes coa súa cámara, algo que o convertería nun impostor. Con este pretexto, a proposta reflexiona sobre a realidade e a ficción; sobre o vivido e o recreado; sobre se a realidade é máis sincera que a ficción ou se a ficción recreada pode chegar a resultar máis vívida que a propia realidade; sobre os límites do que é licito para facer arte, ou incluso para "facer realidade". E no proceso, Macarena Recuerda tamén vai mesturando a realidade coa ficción, substituíndo ela mesma á protagonista da fotografía, inventando e manipulando os elementos da historia real ata que o espectador perde a perspectiva sobre o que lle ocorreu a Alfred Einsenstaedt e o que é unha creación orixinal, aínda que a trinidade Lidia/Macarena/Muller Retratada insiste en aclarar de viva voz que partes son fantasiosas, en concreto, esa romántica e etérea historia de amor que seguramente nunca aconteceu. Na forma, a peza resulta impecable, cun recoñecido manexo da stop motion, do xénero audiovisual e da fotografía. E no fondo, ten un xeito moi interesante de plasmar toda a historia, que deixa ao espectador cun constante semi sorriso nos beizos, cunha tenra ollada sobre todo aquilo que nos queren contar, con esa sinxeleza ausente de artificio que en realidade está moi ensaiada. E con esa precisión no manexo na técnica que hai que valorar. Introducindo incluso un divertido e, de novo, tenro baile que, en realidade, podería ter sido un perfecto peche para a peza. Tamén resulta refrescante esa rebeldía que se plasma nesa "Wonder Woman" que aparece nos comezos e que xorde imparable nesa psicodelia final que termina por romper a atmosfera inicial, case clínica, para pasar a un frikismo irónico que provoca hilaridade. Ao final, obtemos unha peza moi ben acabada, concibida e executada que resulta fermosa e falsamente sinxela, pero que, non obstante, perdeu parte do efecto sorpresa de "That's the story of my life", e tamén do compoñente emotivo, máis lene e inalcanzable nesta ocasión. Aínda así, espero que o FIOT sexa quen de gozar de novo co particular universo "Macarena".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

"El testamento de María" - Blanca Portillo

O berro mudo chegou á alma do público Aínda que "El testamento de María" é unha coprodución do Centro Dramático Nacional, o Festival Grec e Avance P.T., semella de xusto recoñecemento titular este comentario como "el testamento de Blanca Portillo". Porque aínda que toda a peza, en todos os seus aspectos, está coidada ao máximo, a xenialidade da Portillo, o seu estado de graza, fai que todo brille dunha forma que, probablemente, con outra actriz menos inspirada destacaría algo menos. Todo nesta revisión seglar e algo pagá sobre a vida de María de Nazaret, moi afastada da "Virxe María", está engraxado á perfección. Excepcional o atrezzo e a escenografía, complicada e sinxela a un tempo, axeitada e fermosa. Espectacular o vestiario de Mercé Paloma, que se transforma diante dos nosos ollos en traxe de festa ou sobrio loito a través de sinxelos movementos. Marabillosa a iluminación e os efectos de son, sempre ao servizo da peza e do lucimento da protagonis

"Édipo" - Companhia do Chapitô

Os actores transfórmanse en múltiples personaxes A traxicomedia é un xénero difícil. Resulta complicado camiñar sobre a lene liña que separa o riso e o pranto. Entre o absurdo e a desesperación máis absoluta, ás veces derivada dese mesmo absurdo. E a tarefa, tal que traballo hercúleo, semella aínda máis complexa cando nos enfrontamos a   Sófocles   e o seu "Édipo". A historia do bebé bautizado polos seus "pés inchados", aquel que non puido sobrepoñerse ao destino que escribiu ese oráculo mítico: matar ao teu pai e casar coa túa propia nai. Un sino que acaba cumpríndose porque non colle en cabeza humana que unha crudelísima sibila sexa quen de vaticinar e facer cumprir barbaridade tal. Como pode a  Companhia do Chapitô  espertar as gargalladas con ese punto de partida? Como pode facelo completamente núa diante do escenario? Sen nada. Sen vestiario acaído, sen maquillaxe. Sen cadeiras: "no hay sillas en el palacio". Pois a base

"Ojos de agua" - Ron Lalá e Galo Films

"Ojos de agua" está protagonizada por Charo López e Fran García "Ta, ta, ta. Sólo quién de seso carece desea lo que perdió". Por iso mesmo, semella imposible desexar que volva a enerxía, o pulso e o xenio a unha Charo López que, como a propia Celestina , a Trotaconventos á que tachaban de "puta, bruja, maga y alcahueta", ten vivido tempos mellores. Alomenos, e admitíndoo con pesar, se xulgamos a función vivida no FIOT. Aínda que, do mesmo xeito que ocorre coa beleza da celebérrima meretriz "quién tuvo, retuvo". Así, albiscamos esa elegancia innata da actriz movéndose polo escenario. Esa sensualidade que é quen de levar como unha segunda pel. Esa maxia que crea en momentos moi puntuais co manexo da súa voz de veludo. Non obstante, o cansanzo, o esgotamento e a falta de ritmo van cercando a peza, gañando pouco a pouco a partida para chegar a un final en que por fin descansan tanto a López como a Celestina. "Ta, ta, ta